• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

XOSÉ MIGUÉLEZ 4TET: «QUERÍA FACER UN DISCO MÁIS CLÁSICO NA COMPOSICIÓN, PERO MÁIS LIBRE NA IMPROVISACIÓN»

XOSÉ MIGUÉLEZ 4TET: «QUERÍA FACER UN DISCO MÁIS CLÁSICO NA COMPOSICIÓN, PERO MÁIS LIBRE NA IMPROVISACIÓN»
19 SETEMBRO 2022

De neno, os seus dedos voaban sobre o punteiro da gaita ata que pasou dun instrumento de vento madeira a outro: o saxo. Agora, décadas despois, Xosé Miguélez é un dos saxofonistas máis destacados do panorama jazzístico galego, como parte de agrupacións ou como líder do seu propio proxecto.

Logo dun exitoso debut, Ontology (Origin Records, 2019), no que transmite unha ampla gama de sentimentos e emocións a través dos nove cortes que o compoñen, Miguélez está de volta con Contradictio (Origin Records, 2022), o seu segundo traballo como frontman. En formación cuarteto xunto a Jean-Michel Pilc (piano), Marcos Cavaleiro (batería) e Carlos Barretto (contrabaixo), o músico presenta un coidado repertorio que combina composicións orixinais con estándares revisitados do cancioneiro americano.

 

 

 

Aínda que agora acostumamos verte cun saxofón colgado do pescozo, o teu primeiro instrumento foi... unha gaita! Como lembras os teus inicios na música? E o paso da gaita ao saxo?

Xosé Miguélez: «Pois comecei de moi pequeno a tocar a gaita na Escola de Gaitas da Deputación de Ourense da man de Manolo Brañas. As primeiras lembranzas que teño son do Festival de Lorient, ao que fun con 11 ou 12 anos, e foi unha experiencia alucinante.

Co saxo comecei a finais dos noventa, cando tocaba na banda do pianista Alberto Conde; ver a músicos de jazz desde dentro pareceume incrible e animoume a comezar cun instrumento e un xénero novo».

 

O teu saxo soa tamén en varias formacións —Xacobe Martínez Antelo Trío, Joaquím Rodrigues 7tet, Flavio Livigni 4tet, por nomear algunhas—. Inflúe formar parte de diversas agrupacións á hora de construír o teu proxecto persoal paralelo? Por certo, de loxística, vamos ben, non?

Xosé: «Aprendes moito da xente coa que traballas; Xacobe, por exemplo, sempre foi un referente para min, tanto dentro como fóra dos escenarios. Cando che toca facer de líder é cando de verdade aprecias o que outros fixeron para ti.

Para min é difícil o da loxística... É unha das peores partes».

 

Logo de tantos anos sendo «parte de», que che empurra a liderar o teu propio cuarteto?

Xosé: «Cando atopei, de casualidade, unha cantiga recollida á miña tía avoa por Dorothé Schubarth foi un sinal que me fixo dar o paso».

 

O jazz é un estilo que abrangue un grande abano sonoro de subxéneros, xéneros fusión, rexionais... Sen etiquetas, como definirías o jazz de Xosé Miguélez?

Xosé: «Pois depende moito do proxecto onde toque e a etapa; non sabería definilo».

 

 

 

Ontology (Origin Records, 2019) é o debut discográfico deste proxecto, un álbum que nace, case por casualidade, sobre dous nomes propios: a túa tía avoa Amparo e a etnomusicóloga Dorothé Schubarth. Como foi esta descuberta?

Xosé: «Foi na biblioteca do Conservatorio de Vigo. Reparei en que estivera no pobo da miña nai, Cerdedelo (Laza), e cando vin o nome dos informantes aparecía a miña tía avoa, que cantaba dous romances. Púxenme en contacto con Dorothé e foi tan amable de cederme os audios; a partir dun motivo de catro notas da segunda cantiga compuxen as melodías de Ontology».

 

 

De que xeito esa faísca de música tradicional acaba por converterse nun longo de jazz? Como foi o desenvolvemento deste traballo?

Xosé: «Pois para min, ese motivo é como o ADN da música; é difícil de escoitar, pero está aí, dando un nexo de unión entre as músicas».

 

Matt Otto, o teu amigo e mentor, ademais de ser o produtor do disco tamén podemos escoitalo como un dos músicos convidados (saxo tenor, Ewi). Que significou para ti contar con el neste proxecto?

Xosé: «A verdade é que unha porcentaxe moi grande do resultado de Ontology é grazas a Matt. Eu non me sentía capacitado para producir un disco, así que pensei nel, xa que é a persoa que mellor me coñece musicalmente.

En principio a idea era traelo a Galicia pero, como non podía, acabei indo a Kansas City (Kansas), onde reside, e aproveitar todos eses recursos que el xa ten alí. Poder traballar con el foi un luxo e sempre lle estarei moi agradecido pola súa xenerosidade e saber. É un dos músicos que máis admiro.

Outra persoa moi importante nos dous discos é José Trincado, ese gran gurú do son que temos a sorte de ter en Galicia. Todos os músicos quedaron abraiados con como traballa este home e o nivel que ten, e estamos a falar de xente con moitas horas de estudio ás costas. Ás veces non valoramos o noso».

 

 

O termo que dá nome a este álbum, e título da peza que o abre, designa a parte da metafísica que trata do ser en xeral e das súas propiedades transcendentais. Tendo temas como ese primeiro corte, “Ontology”, ou “Chasing Myself”, traballaches a partir deste concepto?

Xosé: «Si, para min a música é creación colectiva que vai pasando de xeración en xeración e que define a esencia da sociedade na que foi creada; é como unha pegada dixital da mente humana. Non somos nada sen o que vén de atrás e, ao mesmo tempo, estamos obrigados a crear algo para continuar o proceso».

 

Ao mes seguinte da súa publicación, Ontology acadou o Premio Martín Códax da Música na categoría Jazz/Músicas Improvisadas. Que significou para ti este recoñecemento?

Xosé: «Son un gran defensor do asociacionismo, penso que Músicas Ao Vivo está a facer un traballo boísimo e por fin temos un colectivo que nos represente. Os premios están a ser un revulsivo para dar a coñecer a proxectos moi interesantes e un punto de referencia para a música en Galicia.

Para min foi un orgullo acadar o premio e serviu para que o disco tivese moito máis percorrido. Os premios están a ser un escaparate importante para todo o sector musical galego».

 

Foto © Andrea Mariño

 

Nesta edición volves ser finalista pero por partida triple: co teu propio proxecto e como parte da Orquestra Galega de Liberación, e o cuarteto de Valentín Caamaño, así que dun xeito ou doutro, gañar, vas gañar seguro. Como o estás a vivir desta volta? Na túa opinión, que papel pensas que teñen este tipo de galardóns á hora de impulsar a música do país?

Xosé: «Estou moi agradecido ao xurado e a Valentín e Xacobe por darme a oportunidade de tocar neses dous proxectos tan fermosos. Este ano serei o finalista menos nervioso de todos [risos].

Estamos necesitados de plataformas, como a vosa ou como os premios, para dar a coñecer o que se fai musicalmente no país. Animo a todos os colegas a que presenten os seus novos proxectos, independentemente de que xa acadasen o premio en edicións anteriores. Gañar ou ser finalista é o de menos, temos que mimar e apoiar esta oportunidade que nos brinda Músicas Ao Vivo e que dá tanto traballo de organizar ano tras ano».

 

 

 

Estás a presentar Contradictio (2022), o teu segundo traballo que, por fin, vía a luz a mediados de marzo, logo de ser retrasado pola COVID-19. Afectou doutro xeito a pandemia ao desenvolvemento do álbum?

Xosé: «Penso que me deu máis tempo para practicar [risos]! A primeira vez que tocamos con este cuarteto, nos festivais de jazz de Viseu e Nigrán 2019, sentíame bastante intimidado, e a diferenza entre o meu nivel e o do resto era moi evidente.

Cando fixemos o concerto do ciclo Butaca de Jazz da Fundación en 2021, sentíame moito mellor tocando con eles e, aínda que a diferenza de nivel seguía a estar, era capaz de atopar o meu xeito de tocar e facelo funcionar con eles».

 

 

Como xurdiu esta contradición sonora composta de dez pezas?

Xosé: «Neste caso tentei usar músicas coñecidas para os membros do cuarteto e, a partir delas, crear composicións novas; o que pretendía era que os materiais fosen coñecidos para poder afondar máis nas improvisacións. Penso que o carácter deste cuarteto convida a esa exploración máis intensa».

 

Formación quinteto de "Ontology". Foto © Nate Espy

 

No primeiro álbum, o quinteto completábano Storm Nilson (guitarra), Ben Leifer (baixo acústico, eléctrico) Peter Schlamb (vibráfono) e John Kizilarmut (batería, caixón). Desta volta, rodéaste doutros tres grandes músicos: Jean-Michel Pilc (piano), Marcos Cavaleiro (batería) e Carlos Barretto (contrabaixo). Ademais dos compoñentes, tamén cambia a instrumentación; que procurabas con ese cambio?

Xosé: «En Ontology as composicións son máis “modernas” e o son de guitarra de Storm Nilson era perfecto para o que queriamos; el foi o único membro do grupo que non vivía en Kansas City, pero sabiamos que era o músico ideal para a gravación e trouxémolo desde Portland (Oregon).

En Contradictio as músicas son estándares ou composicións baseadas no cancioneiro americano, e a sonoridade do piano é insuperable, sobre todo se tes a un dos mellores pianistas do planeta no grupo :)».

 

Formación cuarteto de "Contradictio". Foto © Alexandra Corte-Real

 

Por que «contradictio»? Pasamos da metafísica á dialéctica, talvez?

Xosé: «Si, ben visto [risos]. Quería un título que expresase o momento actual, e a palabra que mellor o definía era esa. Tamén pode entenderse como con-tradición, xa que a música tradicional aparece ás veces e é unha palabra do latín que funciona nas diferentes linguas que falamos no grupo».

 

A diferenza do teu anterior traballo, onde as nove pezas eran de composición propia, en Contradictio revisitas varios estándares norteamericanos de jazz, orixinais de Frank Churchill ou Arthur Schwartz entre outros. Como foi o proceso de selección deste repertorio?

Xosé: «Pois pensei en músicas que xa tiveran sido tocadas durante anos por todos, e a algunhas delas cambiarlle a melodía ou a estrutura. Quería facer un disco máis clásico en canto ás composicións, pero máis libre na parte da improvisación».

 

 

Unha delas é “Someday My Monk Will Come”, versión do estándar “Someday My Prince Will Come” da BSO de Brancaneves, que asinaba Churchill en 1937. Por que a variación no título? Se cadra un chisco ao gran Thelonious Monk?

Xosé: «Si, exactamente. Pensei en facer un arranxo à la Monk da melodía menos Monkiana do repertorio do jazz; outra contradición máis!».

 

É curioso escoitar como soa unha cantiga de música raíz galega en clave jazz. Como foi arranxar “Meniña”, unha peza que naceu para, en principio, ser interpretada noutro estilo, doutro xeito, pero que, curiosamente, encaixa nun clásico dos estándares de jazz?

Xosé: «É unha peza de cancioneiro que normalmente se coñece como “Non te namores meniña”; sempre me encantou a melodía e un día probando vin que encaixaba na estrutura harmónica de “Caravan”, a composición de Juan Tizol que popularizou a big band de Duke [Ellington]. Pilc fixo un solo tan descomunal que non me quedou máis remedio que abrir o CD con ela».

 

Que dirías que hai da música tradicional dos teus inicios nas túas composicións actuais? Retroaliméntanse ambos estilos?

Xosé: «Como músico es o resultado do que escoitas e do que tocas, así que en min ten que haber moito da música tradicional. A improvisación é un elemento común no jazz e nas músicas de raíz, e o jazz foi unha música tradicional nas súas orixes. Penso que hai unha conexión moi evidente».

 

 

Canto á composición, que ou quen inspira os teus temas?

Xosé: «Non teño moita experiencia compoñendo e non che sabería dicir... Ás veces nos momentos e lugares máis inesperados salta unha idea ou ocorréseche unha melodía. Non sei se é inspiración, casualidade ou causalidade».

 

Recuperas “Ontology” en dúas versións: unha en cuarteto e outra a dúo con piano. Deixando de lado a obvia diferenza en instrumentos, como evolucionou esta peza a partir da primeira versión e orixinal?

Xosé: «“Ontology” foi a única composición do primeiro disco que realmente lle gustou a Pilc, foi idea súa facer outra versión e probala tamén a dúo. É o tema onde se escoita mellor o motivo de catro notas da cantiga, parece simple, pero a estrutura e a harmonía non o son.

De cada versión gústame unha cousa: na primeira versión o solo de Matt Otto e o acompañamento de Storm Nilson son marabillosos; na versión de cuarteto gústame moito o espazo que crea a sección rítmica; e no dúo a interacción entre os dous».

 

Pilc, recoñecido pianista de jazz, asina “Galicia” como homenaxe sonora á nosa terra. Que pensas que lle encandeou para compoñela? Como describirías ti Galicia musicalmente?

Xosé: «Jean-Michel compuxo “Galicia” o día anterior á gravación, antes dun concerto a piano solo que deu en Nigrán; despois deulle forma no propio estudio e tocámola por vez primeira alí. Para min, ter unha composición súa no disco é un privilexio; o grao de admiración que sinto por el, e por Carlos e Marcos é difícil de explicar. Penso que está namorado do Val Miñor e esa foi a súa fonte de inspiración.

Para min Galicia é un diamante en bruto, tanto no patrimonio musical como nas agrupacións que temos. Ese potencial está a explotar e xa é imparable. Precisamos atopar a dirección, crear un colectivo forte e tirar para adiante con ou sen axuda das administracións. Animo a todos a asociarse a Músicas Ao Vivo».

 

 

Nunha entrevista recente afirmabas que «facer un segundo bo disco sempre é máis complicado que o primeiro». Por que? Dirías que Contradictio pasa este «corte»?

Xosé: «Digamos que no primeiro todo suma e a xente é máis “comprensiva”; no segundo, as túas esixencias e as do público son maiores e a responsabilidade é outra. Non sei se pasa o corte [risos]... Espero que si!».

 

Foto © Andrea Mariño

 

Para este segundo traballo volviches contar con Origin Records, recoñecido selo discográfico estadounidense especializado en jazz e música clásica. Como chegaches ata eles e como está a ser a experiencia transoceánica?

Xosé: «Iso foi unha lotería, xa que para un músico galego editar cunha discográfica americana recoñecida é un soño.

As cousas case sempre se conseguen por contactos; neste caso, Matt Otto tiña xa varios discos publicados con eles e cando rematamos a gravación de Ontology mandoulles unha premistura por se estivesen interesados en publicalo. A John Bishop, que é un gran batería de jazz e o director da discográfica, gustoulle e asinei con eles. A verdade é que fan un traballo moi bo de promoción e sería imposible chegar a determinados sitios sen a súa axuda. Cando envías o disco e a xente ve que está publicado por Origin Records xa tes captada moita da súa atención. É unha gran sorte formar parte do seu catálogo».

 

Es profesor de gaita no Conservatorio Profesional de Música de Ourense; pensas que os conservatorios precisan de certa «actualización» ou teñen vitalidade dabondo para seguir atraendo e formando novos talentos? Como veñen as novas xeracións?

Xosé: «Penso que todos deberiamos tocar un instrumento musical de cativos. Non hai nada como a música para espertar destrezas, aumentar a atención, aprender a lidar coa frustración, xestionarse emocionalmente, pensamento crítico, etc. Nese aspecto penso que os conservatorios están a facer un mellor traballo que hai décadas. É unha mágoa que non se aposte máis pola música no ensino. Na miña opinión é un erro enorme.

En canto a ser un músico profesional, pois hai moitas vías e o conservatorio é unha delas. Tes que saber que músico queres ser e se esa vía é a mellor. Tocar un instrumento ben é unha das cousas máis difíciles que un ser humano pode facer e require de moito traballo de calidade durante anos; na sociedade na que vivimos iso non é moi popular. Os conservatorios teñen que modernizarse e ofertar novas especialidades polo seu propio ben, pero ser un bo músico seguirá a ser difícil».

 

 

Coa morea de actuacións que levas ás túas costas, que experiencia ou momento destacarías enriba do escenario? E na túa longa traxectoria como músico?

Xosé: «Os momentos onde máis aprendes son os malos. Se es capaz de non ser autodestrutivo e velos como algo necesario, son os que che fan mellorar máis rapidamente. Por sorte, eu tiven moitos [risos]. Penso que o mellor da música é que che axuda a coñecerte. O malo é que ás veces descobres cousas de ti que non che gustan.

Para min a gravación do último disco supuxo un punto de inflexión en canto a confianza. Penso que ese día no estudio de gravación crecín un montón. Cando tocas con músicos mellores que ti, ou tocas moito peor do normal, ou vas a lugares onde non estiveches antes... Agora quero volver a eses sitios».

 

Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendarías? Algún favorito que deberiamos coñecer?

Xosé: «Hai moitísima xente que está a facer cousas moi interesantes. É moi difícil quedarse só con un... Sendo un pouco egoísta, xa que formo parte do proxecto, invitaría á xente a asistir a algún concerto da Orquestra Galega de Liberación. Penso que é totalmente diferente e que atrapa dun xeito sonoro e visual».

 

Se abrísemos a túa conta persoal de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña

Xosé: «100% de sinceridade é que non uso Spotify :). A verdade é que son máis de escoitar discos ou mercalos en dixital, sorprende que no jazz a xente segue a mercar CDs e vinilos. Son un pouco obsesivo nas escoitas; en 2018 só oín a discografía de Sonny Rollins entre o 53 e o 66, que son como uns 27 discos, e iso foi todo o que escoitaba. Interésame investigar a fondo aos músicos que admiro».

 

  noticias